Cartas ao director

Estimado señor director do IES Carlos Casares de Vigo:

En primeiro lugar queremos alertar sobre o grave deterioro que están a sufrir as instalacións, xa que tanto o mobiliario como as paredes, portas e teitos das aulas están estragados. Se a todo isto lle engadimos a cor das paredes, para nós tan fea,o centro parece vello, que está sucio e mesmo ruinoso.

Tamén lle queremos transmitir as malas condicións en que se atopan os aseos (cando menos os do noso andar): están moi sucios e botan un cheiro moi desagradable. No ximnasio, unicamente podemos ir a un baño porque o outro está pechado. Se estivese dispoñible o outro, non se formarían tantas colas e aforrariamos tempo.

Outro dos problemas a solucionar é a calefacción. Ás veces está tan alta que é imposible respirar e temos que abrir as ventás, co conseguinte desperdicio de calor para o resto das aulas e dispendio de cartos. Gustaríanos que se puidesen pechar os radiadores da nosa aula, sen prexudicar o resto das aulas.

Nós, como grupo, consideramos que a vixilancia durante os recreos é escasa. Ás veces entran, nas nosas aulas, alumnos doutros grupos e incluso doutros niveis, e estragan material ou deixan a aula chea de papeis e de bolsas de lambonadas.

O desexo máis importante para nós, como grupo,  é que non nos separen en grupos diferentes o vindeiro curso escolar. Queremos continuar xuntos porque traballamos moi ben e estamos moi a gusto.

Por último queremos darlle os nosos parabéns polo seu traballo, pola súa dedicación porque sempre se preocupa de ver como estamos e que nos pasou cando faltamos algún día.

Grazas a vostede o centro funciona perfectamente e fai que a nosa vida aquí sexa máis amena.

Alumnado de 1º de ESO C

a

a

Estimado señor director do IES Carlos Casares de Vigo:

Aínda que somos conscientes do traballo que conleva a dirección deste centro escolar, pensamos que debería saber o mal estado no que se atopan algunhas instalacións.

As nosas aulas non están en bo estado,  necesitan algunhas reparacións: pintura, teitos, mesas, colgadores… Tamén nos parece importante mellorar o sistema de calefacción porque nalgunhas aulas a calor é insoportable e noutras vai moito frío. Non podemos abrir as ventás porque os profesores din que “estamos a tirar cos cartos” e nós somos incapaces de prestar atención con tanta calor.

Os baños desprenden un cheiro moi desagradable e están moi deteriorados. No ximnasio non hai calefacción nos baños e polo tanto, no inverno, non podemos ducharnos porque vai moito frío. Nós suamos moito e o feito de non ducharnos fai que o profesorado se queixe do mal cheiro que hai na aula.

Pensamos que unha única fonte para tanto alumnado, non chega. Gustaríanos que instalasen máis fontes en diferentes lugares do instituto.

Á rapazada coma nós gústanos xogar nas pistas de fútbol e de baloncesto, pero, cando chove, temos un problema, non podemos ir porque non están cubertas. Temos que quedar nos poucos espazos que temos cubertos. Queriamos proporlle que cubrisen unha das pistas deportivas para poder xogar ao aire libre cando chove e tamén, se puidese ser, cubrir as escaleiras que soben ata o ximnasio porque cando nos toca ir a Educación Física, poñémonos “coma pitos”.

Ás veces os profesores quéixanse de que non estudamos nada, que non nos interesa nada e nós pensamos que unha maneira de facer divertidas e máis amenas as aulas sería realizar diversas actividades ao aire libre. Pensamos que, se saísemos fóra das aulas, mellorariamos o noso interese cara a algunhas materias coma a Bioloxía.

Un dos problemas que temos nós, como estudantes, é peso que carrexamos, ademais de que sempre nos están a desaparecer cousas: libros, bolígrafos e todo tipo de material. Pensamos que a solución sería pór armarios para o alumnado e así cadaquén tería gardado o seu material.

Xa para rematar, queremos agradecerlle o seu traballo e a súa atención porque sempre se está a preocupar por nós, se faltamos á clase ou se estamos enfermos. Tamén valoramos as actividades que organiza no centro porque nos anima a participar.

Moitas grazas por ser o noso director e pola súa atención. Sen vostede o centro non sería o mesmo.

 

Alumnado de 1ºESO A