Abrindo camiños, pechando fendas

Ben é sabido que no pasado todo o mundo cría que a Terra era plana, que estaba no centro do universo, que o Sol xiraba ao seu redor, que as cousas acontecían porque un ou varios deuses así o dispoñían, e… que había traballos de homes e traballos de mulleres. Co tempo o ser humano deuse conta de que iso non era exactamente así: nin a Terra é plana, nin está no centro do universo, nin o Sol xira ao seu redor, nin as cousas que acontecen ao noso redor están determinadas polos deuses, nin hai traballos de homes e traballos de mulleres.

Actualmente en moitas das profesións tradicionalmente consideradas “de homes” xa se rompeu esa fenda de xénero. Un exemplo sería o caso da medicina: segundo datos do 2014 da publicación dixital Diario Médico (http://www.diariomedico.com), o 70% das persoas presentadas ao MIR foron mulleres.

Pero non en todas as profesións se acada a paridade. Outras de aparición moito máis recente, como poden ser as relacionadas coas novas tecnoloxías, seguen sendo “de homes” ou “de mulleres”. Que? Non estades de acordo? Imos analizar uns datos.

Os seguintes diagramas de barras mostran a presenza de alumnado masculino e feminino nas materias optativas da rama científico-tecnolóxica ofertadas no noso centro durante o curso 2017-2018:

Optativas BAC TIC

Optativas ESO TIC

Que? Abraiante non? Tanto na ESO como no Bacharelato o número de alumnas que elixiron materias relacionadas coa tecnolóxía foi moi inferior ao de alumnos. O único caso no que eses números se inverteron foi o de Tecnoloxías da Información e a Comunicación de 2º de Bacharelato.

O noso centro non é un caso illado. Moitos estudos de carácter xeral mostran resultados moi semellantes. A presenza de mulleres nos eidos científicos e tecnolóxicos está moi por debaixo da dos homes. E isto por que? A resposta máis sinxela sería dicir que ás rapazas non lles gusta a robótica, a programación ou a tecnoloxía. Pero, por que non lles gusta? Segundo o estudo ¿Por qué no hay más mujeres STEM? Se buscan ingenieras, físicas y tecnólogas, que foi desenvolvido pola Fundación Telefónica en colaboración coa Universidad Oberta de Cataluña, parte da resposta baséase nos estereotipos e en representacións culturais que a xuventude ten sobre as carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). E cales son? Pois varios:

  • Que as carreiras vencelladas ás ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas se perciben como incongruentes cos roles tipicamente asociados coas mulleres.
  • Que a xuventude ten unha imaxe un tanto peculiar das persoas que traballan nestes ámbitos. Pensade no estereotipo dunha persoa dedicada á enxeñería ou á informática: un tipo friki, desaliñado, vestido con camisetas raras e pegado todo o día a un ordenador. Evidentemente iso non se ve como “propio de mulleres”.
  • Que faltan de modelos de referencia, mentoras e redes femininas que mostren mulleres empoderadas en STEM.
  • E o peor de todo, que as rapazas non están capacitadas para facer ese tipo de estudos ou desempeñar postos de traballo nestes ámbitos.

Poderiamos seguir enchendo liñas e liñas sobre estereotipos. Pero, por que non nos detemos un intre e pensamos un pouco no noso futuro? Por que estamos tan empeñados en dicir que é necesaria a presenza das mulleres nas ramas STEM? Pois porque é certo.

Primeiro, porque os traballos relacionados coas competencias STEM aumentarán de xeito considerable durante os próximos anos e non imos dar atendido toda esa demanda só con homes!!! De feito, dende a Comisión Europea xa se lles está a dar un pulo ás materias científico-tecnolóxicas dende a Educación Primaria.

Segundo, porque as mulleres tamén necesitamos tecnoloxía para cubrir as nosas necesidades. Cando apareceron os teléfonos intelixentes e empezaron a desenvolverse aplicacións, moitas marcas sacaron aplicacións para levar a conta de datos biométricos ou relacionados coa saúde (niveis de azucre, tensión arterial, incluso medición de estres!…), pero, como os informáticos eran homes, tardaron máis dun ano en decatarse de que tamén era necesario un calendario menstrual!

Terceiro, porque é unha forma de loitar (non sen tempo) contra a brecha salarial entre homes e mulleres. A presenza de mulleres nos eidos tecnolóxicos axudará non só a que se equiparen os salarios de homes e mulleres dentro do mesmo ámbito, senón tamén que a muller contribúa de xeito paritario á economía familiar.

E por último e máis importante, porque as mulleres teñen que ter claro que elas poden ser o que queiran.

Para rematar, déixovos un vídeo que espero que nos axude a todas e todos a pensar, educar e decidir o que queremos ser, xa sexamos homes ou mulleres.

Así que rapaces, rapazas, nais, pais e demais familia. Eduquemos en igualdade porque todos temos dereito a ter as mesmas oportunidades e a realizarnos persoal e profesionalmente.

Emma Janeiro