A nosa participación no Plan Proxecta

Este é o noso sexto ano de inmersión neste Plan da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixido a fomentar a innovación educativa a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

Un ano máis obtivemos un par de premios en dous destes programas, xa clásicos para nós: Clases sen fume e Innovación en dinamización lingüística.

O primeiro, desenvolto este curso nas aulas de lingua castelá, inglés e plástica levou ao alumnado de 1º de ESO A cinco días multiaventura ao albergue de Gandarío. Pero iso non é máis que unha recompensa ao traballo ben feito, á complicidade dun grupo de adolescentes e unha persoa adulta (titora) para evitar o inicio do consumo de tabaco na adolescencia e reforzar a confianza neles mesmos/as e nos demais.

Ao longo de todo o curso tivemos o seguimento do persoal técnico da Consellería de Sanidade (Victoria Aldea), potenciamos o traballo en grupo na realización das actividades para favorecer a introdución das mensaxes de prevención e empregamos formatos lúdicos no proceso de aprendizaxe.

Velaquí os traballos realizados na primeira fase: Eslogan

Eslogan de 1º de ESO A
Eslogan de 1º de ESO C
Eslogan de 1º de ESO B

E os traballos realizados na segunda fase: Actividade creativa

1º de ESO B
1º de ESO A
1º de ESO C

Desde o curso 16/17 no que comezamos a fomentar a oralidade en lingua galega en contextos novos para o alumnado, principalmente no mundo audiovisual, co proxecto Casariándonos, melloramos os resultados respecto ao uso da lingua galega. Seguimos pois traballando neste sentido sen baixar a garda, reforzando o noso ensino con programas como Innovación en dinamización lingüística do Plan Proxecta que faciliten a aprendizaxe ao longo de toda a vida e o paso da adquisición de conceptos á adquisición de competencias. Esta aprendizaxe está relacionada coas competencias clave: a concreción práctica dos contidos de aprendizaxe. A funcionalidade e o sentido práctico dos contidos é a base do noso proxecto. Continuar a traballar seguindo esta liña que tan bos resultados está a dar é o que desexamos.

Temos un obxectivo claro: que a lingua galega saia dos recintos educativos. Para conseguilo necesitamos que todas e todos vexan a lingua galega como unha lingua útil, moderna e que nos define como galegos.

Por outra banda e de forma sorprendente, na contribución de cada área/materia ás competencias clave, en determinadas áreas/materias se obvia ou é case inexistente a contribución á competencia Conciencia e expresión cultural e artística. Con este proxecto quixemos identificar as relacións existentes entre as manifestacións artísticas e a nosa sociedade no noso día a día, o cal supón tamén ter conciencia da evolución do pensamento, as correntes estéticas, as modas e os gustos, así como da importancia representativa, expresiva e comunicativa dos factores estéticos na vida cotiá.

Queremos que o noso alumnado adquira coñecementos que permitan acceder ás distintas manifestacións sobre a herdanza cultural (patrimonio cultural, histórico-artístico, literario, filosófico, tecnolóxico, ambiental, etcétera) a escala local, nacional e europea e o seu lugar no mundo.

Servíndonos da celebración do bicentenario da creación do Museo do Prado, realizamos todo un labor de investigación favorecendo novas formas de aprendizaxe onde o alumnado é o protagonista principal e o destinatario último de todo este proceso.

Este curso traballamos en colaboración co IES Santa Irene coa pretensión de abarcar máis campos pola diferencia de materias optativas que temos nos dous centros, conseguindo ao final unha web completa con moito material educativo interactivo para que o profesorado poida utilizar e adaptar nas súas aulas de vindeiros cursos.

No seginte enlace podedes ver todos os traballos realizados desde 1º de ESO a 2º de Bacharelato en dez materias diferentes: Lingua galega, Lingua castelá, Bioloxía ( Anatomía), Física ( Meteoroloxía); Tecnoloxía, Tic, Valores éticos, Historia, Música e Debuxo.

Este curso tamen desenvolvimos os programas; Educación en valores e cidadanía global, Donas de si e MeteoEscolas.

Almudena Lacomba. Vicedirectora