A fada e o dragón

O máis importante labor dos pintores da Idade Media foi “iluminar” manuscritos. Por “iluminar” entendemos poñer debuxos nun texto, como se as palabras nos presentasen a realidade e os debuxos o seu resplandor. Naquela época cada libro era un tesouro e procurábase facelo aínda máis valioso enchéndoo de debuxos. Durante meses ou anos os monxes copiaban os textos en páxinas feitas con peles curtidas de animais. Pero non se contentaban só con iso: decoraban as letras capitulares, engadían grecas, introducían ilustracións. Engrandecían, “iluminando”, os libros.

Co pretexto da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel, o alumnado de 1º de ESO ilumina os seus textos baseados no Vigo medieval e os seus costumes, historias que teñen como protagonista a Martín Códax, ou contos que transcriben o que acontece nas sete cantigas. Deixamos unha mostra desas pequenas xoias realizadas nas aulas de Lingua galega e Expresión plástica, visual e audiovisual.