Igualdade en todos os ámbitos

O alumnado matriculado en Igualdade de Xénero recibiu unha charla por parte de Mónica, a secretaria da asociación Arelas, que ten como obxectivo que os nenos e nenas transexuais non se sintan sós, que se sintan apoiados.  Faloulles sobre o grupo LGTBI (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais), pero sobre todo dos transexuais. Deste grupo, explicoulles o maltrato que sofren,  como se sinten, como pensan… para conciencialos de que todos merecen a integridade como persoas e que a identidade atópase entre as orellas, e non entre as pernas.

Contoulles como se sentiu ela, como nai, ao descubrir que a súa filla era transexual. Nese momento non sabía moi ben como reaccionar porque  apenas había información, foi esta experiencia persoal a que a obrigou a investigar e un tempo despois a formar a asociación Arelas.

O alumnado de 1ºESO ademais recibiu unha charla da asociación Nós Mesmas. Esta é unha asociación que dá apoio ás mulleres lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais… porque están menos visualizadas cós gays, homes transexuais… Na conferencia puxeron a proba a capacidade do alumnado con complexas preguntas para que diferenciasen o concepto de sexo do de xénero.

Todo o alumnado quedou moi satisfeito coa cantidade de cousas que aprenderon sobre o tema e dan as grazas a esas persoas que adicaron o seu tempo para informalos e conciencialos deste problema  que abrangue a toda a sociedade.