Comezamos!

Comezamos un novo curso coa ilusión de sempre e bastantes novidades.

Dúas novas materias en segundo de ESO: Sociedade inclusiva, impartida por Mariló, materia de libre configuración autonómica que vai encamiñada á construción dun pensamento social crítico que teña o seu reflexo no contorno próximo do alumnado. Obradoiro de Expresión plástica, visual e audiovisual, impartida por min, materia de libre configuración de centro que pretende contribuír á integración e ao desenvolvemento persoal do alumnado que acaba de iniciarse nela o curso anterior, tanto no que atinxe á creación en grupo como á necesidade de enfrontarse ao seu propio desenvolvemento persoal empregando a creatividade para facer creacións audiovisuais e gráfico-plásticas.

Iniciamos a nosa andaina no Programa Educación Responsable da Fundación Botín, un programa desenvolto en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de Cantabria que favorece o crecemento físico, emocional, intelectual e social das persoas, promove a comunicación e mellora da convivencia nos centros escolares a partir do traballo con docentes, alumnado e familias. Traballaremos Reflexarte (Almudena nas aulas da nova materia optativa de 2º de ESO, Obradoiro de expresión plástica, visual e audiovisual) Literatura, emocións e creatividade (Irene co alumnado de 1º de ESO C) O Coro das emocións (Mariano nas aulas de música de 2º de ESO) e o banco de ferramentas que pretende: recoñecer e expresar emocións e ideas, desenvolver o autocontrol, aprender a tomar decisións responsables, valorar e coidar a súa saúde e  mellorar as súas habilidades sociais ( Lilia e Cristina nas súas respectivas titorías e/ou aulas de valores éticos)

A Biblioteca amplíase e renóvase entrando no PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares), con nova web e abrindo as súas portas os luns ao medio día.

Con respecto aos Contratos Programa (recursos proporcionados pola Administración necesarios para o desenvolvemento de proxectos realistas nos que participe a comunidade educativa e as institucións do contorno) traballaremos na acción 2: Mellora da competencia matemática e en ciencia e tecnoloxía con obradoiros nos recreos de xadrez, instrumentos musicais, ciencia en movemento…, a partir de xaneiro.

Este ano traballaremos en cinco programas de Plan Proxecta da Consellería: Clases sen fume (alumnado de 1º de ESO, coordinado pola profe Liliana), Donas de si ( alumnado de materias como Igualdade, Sociedade Inclusiva e de 1º de bacharelato e mais 3º C, coordinado por Mariló) Educación en valores e cidadanía global (alumnado da materia de Valores éticos de 1º, 2º e 4º de ESO, coordinado por Eva), Innovación en dinamización lingüística (alumnado de todos os niveis, coordinado por mín) e MeteoEscolas (cun grupo de cada nivel agás 2º de bacharelato e 3º PMAR, coordinado pola profe Cristina). Estes programas buscan  a motivación e o traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que desenvolvan as competencias clave e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

E a nosa formación?, a dos docentes? Pois neste curso damos o salto a Programas Europeos para facer visitas de observación a centros de referencia no espazo internacional. Estes programas da Consellería OBSERVA_ACCIÓN, ERASMUS KA1, favorecen a internacionalización dos centros educativos, abrindo as súas portas a proxectos transfronteirizos, e fomentan a integración reflexiva e contextualizada de innovacións educativas na nosa propia práctica docente. Mer (Latín e Xefa de estudos), Pilar (Tecnoloxía), Teresa (Bioloxía) e mais eu (plástica e Vicedirectora), xa estamos inmersas nestas ilusionantes actuacións.

Neste curso, xa non veremos polos corredores as profes Esther (Galego) e Geli (Economía). Para nós foi un orgullo compartir o día a día con elas, son parte da familia do Casares.

Comezamos o número 29 da REVISTA MANDA CARALLO!

Almudena Lacomba. Membro do Consello de Redacción, Vicedirectora e profe de Plástica.