Debuxar e investigar, todo á unha

Anxo Fariña, escritor e ilustrador da coñecida saga dos Megatoxos, visitou o noso instituto o pasado 23 de maio para impartirnos un obradoiro de debuxo ós alumnos de 1º de ESO. A actividade xurdiu a consecuencia de que esta avaliación tivemos que ler para a clase a súa última entrega, Os Megatoxos e a batalla de Rande. O obradoiro foi realmente interesante e Anxo ensinounos a debuxar as partes do corpo dunha persoa de maneira básica. Fíxoo cuns trucos moi sinxelos que calquera pode aprender e que consisten en combinar en distintas posicións letras do abecedario. Grazas a eles non fai falla moita habilidade para debuxar. Imos explicarvos algúns deles:

  • O truco do CO: serve para debuxar diferentes tipos de ollos moi divertidos e representar un montón de sentimentos: namorado, triste, feliz, enfadado… O truco consiste en debuxar un O pegado a un C.
  • O truco do CT: debuxando T dentro dun C temos unhas orellas.
  • O truco do D: serve para facer unha boca; xirando o D engádese o sentimento que se queira representar.
  • O truco do VULC: con estas letras pódense obter moitos tipos de nariz, un con cada letra; só hai poñelas como a cada un lle guste.
  • O truco do B: xirando e poñendo horizontalmente o “b” minúsculo obtense unha gorra.
  • O truco do LL: facendo un L sobre outro L (LL) pódese conseguir unha perna.
  • O truco do VM: serve para debuxar unhas ás: hai que poñer o V  boca abaixo e o “m” minúsculo debaixo.

Despois de explicarnos os trucos, Anxo mandounos facer a cada un de nós un personaxe con corpo de pataca usando todos os trucos que nos ensinou e quedáronnos bastante ben, a verdade. Aprendemos moito nesta actividade. Probade vós a practica nas vosas casas. É moi sinxelo.

A continuación do obradoiro tivemos unha xincana por grupos baseada no libro dos Megatoxos. As preguntas, ademais de ter que ver co libro, tamén ían sobre pintura, galego, historia, bioloxía, inglés e ata francés. Este xogo foi moi divertido e pasámolo todos moi ben. Déronnos un tríptico no que tiñamos que ler as preguntas e escribir as respostas, as cales se descubrían lendo uns códigos QR cos nosos móbiles. Ademais, debaixo de cada código había unha pista para indicar como encontrar o seguinte. Os códigos estaban polo recinto escolar, pero fóra do centro.

O premio foi un vale para a cafetería para o mellor equipo de cada clase. Os gañadores foron:

  • De primeiro A: o grupo de María, Claudia, Paula, Lucía Alonso, Carla, Sergio e Ángela.
  • De primeiro B: o grupo de Iago, Gabriel, Raquel, Azael, Roberto, Lucas e Teo.
  • De primeiro C: o grupo de Lucía Román, Candela, Sofía, Hugo Jiménez, Rocío, Carmen e Juan.

Pasamos unha mañá xenial entre o obradoiro e a xincana. Desexamos que se repita esta actividade.

Carlota Salgado (1º B) e Area García (1º C)