Concurso de carteis sobre doazón de órganos e sangue

Non hai moitos días, a mediados de maio, deuse a coñecer o resultado das persoas gañadoras do I Concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e o transplante de órganos. O concurso foi convocado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a empresa Gadisa. O obxectivo desta actividade era concienciar as persoas, especialmente as máis novas, da necesidade de doar órganos e sangue, unha sinxela acción coa que se poden salvar vidas e a axudar a enfermos en graves dificultades a volver levar unha vida leda e normal.

No concurso había dúas categorías: 5º e 6º de Primaria, e 1º, 2º e 3º de ESO. As bases establecían os seguintes requisitos:

  • Había que presentar un cartel cun debuxo e un lema que fomentasen a doazón de órganos e sangue.
  • Podían estar elaborados en técnica plástica ou dixital.
  • O formato era o DIN-A3.
  • O cartel debía ser orixinal, e valoraríase a calidade dos traballos e a creatividade amosada neles.

O alumnado que estamos a traballar no instituto no Plan Proxecta Salvavidas decidímonos a participar neste concurso e enseguida puxemos as nosas cabeciñas a traballar. Cada clase podiamos mandar o número de carteis que quixeramos: os cursos de 1º da ESO enviamos uns trinta e cinco. E ao final saímonos coa nosa, xa que obtivemos os dous premios convocados na nosa categoría (primeiro ciclo da ESO): Area García López (1º C) obtivo o segundo premio e Irene Jardón Castro (tamén de 1º C) o primeiro premio. Ao coñecer a noticia, as dúas sentimos unha grande ilusión e emoción, e quedamos moi ledas. Non podíamos dar creto ao que oiramos.

Na outra categoría, 5º e 6º de Primaria, os gañadores foron alumnos do CEIP Castrelo de Miño de Ourense (segundo premio) e o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo (primeir premio).

Aquí tedes algúns dos carteis que dende o noso centro enviamos ao concurso (o artigo continúa debaixo dos carteis):

 

A entrega de premios foi o mércores 6 de xuño no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela, e alí fomos as dúas premiadas e outros compañeiros nosos de 1º C que tamén participaran no concurso. Antes da recollida dos premios visitamos o museo, destinado a recuperar e mostrar o noso legado pedagóxico. Vimos como foron evolucionando as aulas ano tras ano e a verdade é que houbo moitos cambios. A primeira aula na que entramos foi a máis antiga: era unha clase moi pequena, tiña pratos colgados na parede e as mesas parecían mesas de salón. A segunda foi unha aula que xa tiña bastantes cambios en comparación coa primeira: había pupitres e unhas cadeiras moi incómodas feitas de madeira, unha bandeira de España, algunhas mesas con máquinas de coser… é o principal, os libros. A terceira clase xa era máis moderna, pero aínda así houbo algo que nos chamou moito a atención: no chan preto da mesa do profesor había unha especie de recipiente onde se cuspía; era para non coller enfermidades, sobre todo, a tuberculose. A última aula que vimos foi a da E.X.B., que era unha das máis parecidas ás nosas de agora, onde xa había bolígrafos da marca Bic, gomas MILAN, pupitres moi parecidos aos nosos e as cadeiras xa non eran de madeira.

Cando rematamos a visita ao museo, fomos ao Salón de Actos, onde as nosas compañeiras recolleron os seus premios: o primeiro premio fora para Irene Jardón, á que lle regalaron un iPad (e 1000 € para o instituto), e o segundo fora para Area García, que recibiu unha cámara de fotos dixital (e 500 € para o centro). Ao resto de alumnado déronnos unha bolsa cuns agasallos de agradecemento por ter participado no concurso. Irene e Area dedicámoslle os premios que gañamos a un compañeiro que desgraciadamente faleceu por leucemia a comezos de curso.

Ao final ofrecéronnos un pequeno aperitivo con zumes, comida e moitas máis cousas.

 

Irene Jardón e Fabiola Viñas (1º C de ESO)