A charla de Anik

O xoves 12 de xaneiro recibimos no instituto a visita de Anik Nandi, un sociolingüista bengalí licenciado en Filoloxía Inglesa. É investigador en formación no proxecto da UE  New Speakers in a Multilingual Europe sobre os neofalantes do galego e tamén participa no Equipo de Sociolingüística do Instituto da Lingua Galega. Está especializado nas áreas de política lingüística, sociolingüística india e galega, linguas minorizadas/ameazadas e ensino de linguas estranxeiras.

Anik Nandi deu unha interesante e amena charla sobre a situación lingüística na India, país que conta con máis de setecentos oitenta idiomas, pertencentes a familias lingüísticas diferentes, o cal ás veces imposibilita a comunicación entre algúns do seus habitantes (dependendo do idioma que empreguen). Aínda así, Anik demostrou que é posible manter a riqueza lingüística como xeito de perpetuar a riqueza cultural dun país.

Outro dos aspectos que tratou foi a multiculturalidade da India, facendo fincapé nos  numerosos festivais espallados polo país: non soamente o mundialmente coñecido Bollywood, senón tamén a festa Holli, a festa das luces.

Un relatorio moi interesante que nos fixo pensar na necesidade de seguir mantendo o noso idioma pois é a única maneira de transmitir o noso legado e deixar a nosa pegada no mundo.

Moitas grazas a Anik por desprazarse ata Vigo e achegarnos un pouquiño a un país tan descoñecido para todos nós.

IMG_2512IMG_2511IMG_2510

Texto: Helena e Laura.