A maxia da casualidade

O xoves, 18 de febreiro os alumnos de 3º e 4º de ESO tivemos a gran sorte de revivir en primeira persoa os lugares onde se desenvolve a intrigante obra do autor Francisco Castro, Tes ata as dez: facendo un roteiro de quilómetro e medio polo centro da cidade de Vigo, vendo gran parte dos lugares que serviron de fonte de inspiración para a obra.
O percorrido dá comezo no casco vello da cidade, concretamente na Praza da Constitución. Aquí mesmo o autor presentouse e comezou a falarnos do libro. Explicounos que el nacera en Teis, que Vigo sempre fora a súa cidade e por esta razón quería plasmar a súa obra de xeito que os lectores, coñecedores da cidade, sentisen a obra aínda máis achegada a eles. Tamén explicou que o libro, ademais de ser unha novela romántica, chea de sentimentos, é ao mesmo tempo, unha crítica social sobre a falta de liberdade de expresión na época franquista. Na Praza da Constitución, mencionada anteriormente, atópase un edificio cun engadido que podería adaptarse perfectamente ao apartamento co que se atopa Toni, o protagonista da historia, e onde o seu pai levaba unha vida paralela.
A seguinte parada do roteiro sería nuna pequena praza ao lado do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da rúa Doutor Cadaval. Sentamos todos nuns bancos de pedra e escoitamos atentamente as palabras do autor. Explicou un dos temas do libro: a carencia de liberdade que sufrían as persoas non hai tanto tempo. Franco prohibía calquera tipo de opinión ou crítica, por iso os xornalistas representaron un papel moi importante na sociedade española. Non todos, pero unha pequena parte, intentaba publicar contido ilegal para poder expresar as súas opinións e facer ver ao pobo a realidade na que estaban vivindo. Xente que saía ás rúas a pasar folletos ou panfletos ilegais, convocaba manifestacións e xogábase a vida nisto. Por este motivo, o autor quixo engadir a imprenta na novela, onde imprimían pequenos textos de contido comunista: ideoloxía política contraria á de Franco. Hoxe en día non temos este problema, polo menos non dunha forma tan radical. Tamén fixo mención á sociedade machista na que aínda estamos a vivir. A finalidade pola cal nos sentou neste lugar foi que anos atrás un dos seus profesores o levara a el e aos seus compañeiros ata alí e faloulles daquela de temas moi similares.
O roteiro segue camiño abaixo pasando pola rúa Perú e a rúa do Príncipe, lugar onde, por unha máxica casualidade, nos atopamos co profesor que anos antes levara a Francisco, o autor, ata o lugar que acababamos de deixar atrás. Logo de falaren un anaco, despedímonos cun entenrecedor aplauso. A próxima parada foi a rúa Darío Álvarez Velázquez onde hai uns trinta anos se atopaba unha churrería moi famosa en Vigo. Era o lugar onde ofrecían uns dos mellores praceres para o gusto: o chocolate con churros. Francisco inspirouse nela para crear a churrería onde o protagonista batía palmas ao chegar o chocolate con churros. E confesounos que el o facía de verdade cando era pequeno e que hoxe en día o segue facendo cando vai cos seus fillos e piden chocolate con churros: el érguese e comeza a dar palmas. Unha boa maneira de lembrar algo bonito e facer que perdure de xeración en xeración.
Baixamos pola rúa Reconquista e chegamos á Praza de Compostela, a Alameda. Neste lugar Francisco inspirouse nun portentoso edificio que utilizou para identificar como o despacho do notario, amigo do pai de Toni. Desprazámonos cada vez máis preto do mar, ata a rúa de Luís Taboada onde hoxe en día se atopan uns edificios cunha pequena praza con plantas e dúas palmeiras, no libro era o lugar que utilizou Francisco para localizar a imprenta onde traficaban coa prensa ilegal.
Chegamos á última parada do roteiro, a estatua de Xulio Verne, no Náutico de Vigo: inspiración para a pista que o pai de Toni deixaba por escrito “Xusto en fronte, Xulio Verne toma vinte mil tapas de polbo”. Neste lugar atopamos a Vtelevisión, que aproveitou a situación para entrevistar o autor e preguntarlle que pensaba sobre as escasas conmemoracións que de Xulio Verne se facían en Vigo. Este mesmo xoves, 18 de febreiro, cumpríanse exactamente 148 anos dende a suposta chegada do Nautilus á Ría de Vigo e que aparece narrado nun dos capítulos da novela verniana: Vinte mil leguas baixo dos mares.
Neste precioso e conmemorativo lugar acabou o roteiro literario, pero aínda tiñamos que ir ata a Casa del Libro onde o autor respondeu as nosas preguntas e asinou libros.
E así é como rematou esta actividade onde a maxia da casualidade, a volta ao pasado, as opinións, os coñecementos e a imaxinación de Francisco converteron este roteiro nun paseo inesquecíbel.

Autora do texto: Mª Isabel Estévez Domínguez. 4ºC.